O sábado 12 de setembro organizamos unha observación astronómica para a veciñanza nas Penas da Grela. Contamos coa colaboración da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e os Museos Históricos da Coruña. Con eles ó pé dos Crutos puidemos aprender do ceo nocturno que nos rodea.
Aínda que Os Crutos tapan boa parte da contaminación luminosa da Coruña e puidemos ver as estrelas máis brillantes, o ceo é ben distinto do que foi noutros tempos. Mais como ocorre coa loita contra outros tipos de contaminación, non todo está perdido. A iluminación da cidade debe actualizarse tendo en conta criterios de aforro enerxético, pero tamén de respecto pola noite e a súa fauna, e que nos permita volver gozar da espectacularidade dunha noite estrelada.
Aínda así, gracias ós telescopios puidemos ver Xúpiter e os seus catro satélites máis grandes descubertos por Galileo (Ío, Europa, Ganímedes e Calisto), Saturno e os seus aneis, e varias estrelas máis.
Observamos as estrelas máis brillantes propias do fin do verán: o triángulo de verán formado por Vega, da constelación de Lira (a arpa coa que Orfeo tocaba e facía calmar as feras e descansar as almas dos humanos); Deneb na constelación do Cisne (tamén chamada Cruz do Norte que serve de guía para os peregrinos no camiño a Compostela); e Altair, o corazón da Aguia.
E tamén localizamos o Serpentario, constelación onde podemos atopar a estrela Rosalía de Castro, adicada a unha muller da que seguimos recibindo luz a través da súa obra. Luz coma a das estrelas distantes, que cando se apagan nos segue chegando durante séculos. Rosalía, a muller que levaba “na frente unha estrela e no bico un cantar“, como din as verbas de Curros na súa honra.