Historia

Tempo Novo, a historia dun ben colectivo

Grupo de Territorio Tempo Novo

Un día 1 de maio de 1985 inaugurábase en Elviña un local social que fora levantado pola propia veciñanza de Elviña e Castro. O proxecto nacera sete anos atrás e para levalo a cabo fora precisa a participación de toda a xente do lugar.

Elviña e Castro a finais da década dos setenta situábanse nun entorno marcadamente rural. Eran dúas aldeas rodeadas de campos de cultivo onde a figura da fábrica de fertilizantes Fertiberia emerxía entre as agras. Naquel momento non existían equipamentos públicos  en Elviña, e incluso faltaban os servizos máis básicos. As sociedades que existían daquela eran a Sociedade Deportiva Relámpago de Elviña, que se creara no ano 1944, e a Asociación de Veciños Os Rexumeiros que acababa de nacer no 1977.

O movemento asociacionista non eran algo novo. Durante a primeira metade do século XX o movemento agrarista tivera unha forte presenza na parroquia. Existiran sociedades agrarias que defendían os intereses dos labregos e que tiveron unha importante actividade nos lugares de Palavea, Elviña, Mesoiro e Feáns no primeiro cuarto do século XX. Nos anos 20 empeza a coller forza o movemento obreiro, no que tivo un gran protagonismo a CNT. O profesor Óscar Freán estudou o tema. Nas súas investigacións encontra locais sociais de influencia libertaria distribuídos pola cidade da Coruña e a súa contorna. Os anarquistas buscaban crear espazos de cultura e de coñecemento das clases populares. Na parroquia de Elviña había varios centros sociais dedicados á cultura. Un dos locais que documenta Óscar Freán estaba en Elviña e chamábase Centro de Estudios Sociales Luz y Vida. Estivo activo aproximadamente entre outubro de 1933 e o empezo da Guerra Civil, e como parte da súa actividade organizaba conferencias, mitins e excursións.

O golpe de Estado de 1936, e a represión posterior, coutou aqueles movementos asociacionistas. A súa memoria desapareceu entre a xente, talvez de forma intencionada para evitar que os membros daquelas sociedades fosen represaliados. Con todo, o espírito reivindicativo do Pobo nunca desapareceu por completo, pois aproveitando o tempo de Antroido as comparsas Os Rexumeiros de Elviña e Os Calaveras de Castro combinaban as coplas satíricas con outras máis reivindicativas. O pouso daquelas comparsas e as ansias de contestación permaneceron na memoria da xente.

Corenta anos despois da desaparición daquel centro de cultura en Elviña a veciñanza volve unirse para levantar un local social, sen saber da existencia dun centro de cultura anterior.

O novo proxecto de local social eclosiona por dúas circuntancias claras. O Relámpago estaba a buscar un local que tivese as dotacións necesarias para os xogadores, unas instalacións onde puidesen ducharse e cambiarse. Naquel momento o Relámpago ocupaba un local cedido pola Castela, dona da tenda máis concorrida de Elviña. As necesidades que lle son propias a un equipo de fútbol levaron ao Relámpago a buscar un edificio que tivese o equipamento mínimo. No mesmo tempo e no mesmo lugar as necesidades colectivas das dúas aldeas provocaran o nacemento da asociación de veciños que estaba organizándose e aglutinando xente para lograr que servizos tan básicos como a luz eléctrica e o abastecemento de auga chegasen a tódalas vivendas de Elviña e Castro.

Xorde a idea de que o Relámpago e a asociación de veciños xunten as súas forzas para levantar un local social. Ao proceso de edificación súmase unha nova sociedade que dalgún modo protagonizará o proxecto integrando tódolos axentes implicados. O 15 de febreiro de 1978 nunha asemblea celebrada na escola de don Antonio, constitúese A Sociedade Recreativa, Deportiva e Cultural Tempo Novo. A súa primeira directiva está constituída por Emilio Jaspe Deza (Milucho) na presidencia, Manuel Bermúdez Blanco (Chao) na vicepresidencia, Manuel García Casás (Manolo de Hilario) na secretaría, Paulino Cruz Rey (Lino) na tesouraría, e Germán Canosa Teijido, Javier Díaz Catoira, Antonio Fernández Díaz, Eduardo Fernández Vázquez, Leandro Fidalgo e José Rodríguez nas vogalías.

Á cabeza da sociedade estará unha persoa que resultou determinante no proxecto, Emilio Jaspe Deza. Milucho fora presidente do Relámpago de Elviña. Era unha persoa á que lle gustaba o fútbol e a cultura, sendo ademais moi querido e admirado en Elviña e Castro, polo que o seu duro traballo en involucrar os veciños foi decisivo. Tal foi a súa implicación no proxecto que se pode considerar que el foi a alma máter da construción do local e de Tempo Novo.

A idea toma corpo. Aproveitando a inercia xerada pola xente do Relámpago, xúntanse as tres sociedades e toda a veciñanza de Elviña e Castro para construír un local social. Ten os  retos de calquera obra, destinar un capital a construción e ter uns planos sobre os que construír.

Neste punto a participación da veciñanza vai ser clave. Emítense unhas participacións para que cada veciño aporte diñeiro. En total fixéronse 600 accións, é dicir, 600 partes a cubrir entre todos. O obxectivo era dobre. Por un lado acadábase un capital co que comprar un terreo e empezar as obras e por outro lado, e aquí vén o importante, a propiedade do edificio sería directamente da xente de Elviña e Castro. Pretendíase entre outras cousas evitar que a disolución de calquera das sociedades supuxese que unha entidade allea ao Pobo acabase por facerse dona do local.

Os planos vainos facer o arquitecto Xan Casabella, quen tamén foi o creador do logotipo de Tempo Novo. O seu traballo faise de forma desinteresada. Presenta un proxecto moi innovador, que se vai adaptando ás circunstancias. En setembro de 1978 coincidindo coas festas patronais vaise facer unha presentación oficial da maqueta do centro cultural. O acto culminará nun Festival de Música Galega, que trae gran número de persoas a Elviña. No festival de música participan Fuxan Os Ventos, Suso Vaamonde, Carlos García Casás, Jey Noguerol e Pablo Quintana.

O 17 de xaneiro de 1979 a asemblea acorda a compra dun terreo na  Eira de Xaner, a carón do Cruceiro. O soar procede das fincas chamadas “Da Aira” e “Das Hortas”. Páganse  trescentas mil pesetas, coa boa vontade da propietaria, Otilia Otero No, quen rebaixa o prezo inicial considerando que a finalidade da compra era construír un local social. Feita a compravenda do terreo o proceso de escritura vai ser lento. Os propietarios organízanse como socios de Tempo Novo, cedendo a perpetuidade o uso do local que vai ser edificado ás tres sociedades. Durante tódolos sábados de catro meses, Milucho acompañará a grupos reducidos de socios propietarios, ata completar os 160, á notaria de González de la Huebra, que estaba na rúa Real da Coruña.

O inicio da construción

Co terreo comprado e cos planos feitos, o seguinte reto foi a execución material do edificio. No ano 1980 a asemblea de Tempo Novo acorda empezar as obras. Os planos estaban feitos.

Tempo Novo HistoriaEra necesario organizar a man de obra, para o que se fan unhas listas coa xente que debe ocupar os grupos de traballo. Establécense quendas para os domingos nas que debería haber un mínimo de catro albaneis e seis peóns. Foi unha colaboración desinteresada na que todo o mundo traballou sen distinción. Finalmente as quendas traballaron sábados e domingos pola mañá. Había moita xente do ramo da construción. O encargado da obra era Antonio Fernández (Trus) e quen se encargaba da provisión de material era Félix, Félix Fernández Hermida. Foron tempos de traballo colectivo no que a implicación persoal foi grande. No traballo participou todo o mundo de Elviña e Castro e sen diferenzas. A influencia que tiña Milucho tamén facilitou que houbese colaboradores de lugares veciños, como Palavea, Feáns e Mesoiro.

O material collíase en establecementos próximos. Un dos principais establecementos que fornecía de material á obra estaba localizado en Vilaboa; a el acudira unha persoa que respondeu polas compras de material.

O primeiro ano de construción de traballo voluntario de sábados e domingo, foi ocupado en facer as cimentacións do edificio. En paralelo vai xurdindo a necesidade de novos fondos cos que soportar os gastos. Os custos globais das obras son de 6.000.000 de pesetas. Os medios de recadación foran aportación de socios e os cartos conseguidos pola organización das festas patronais. Coa obra avanzada era preciso máis. Aparece neste momento a figura de Bernardo Valiño, que expón o proxecto da construción do local social á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Vaise conseguir deste modo unha subvención de 2.500.000 pesetas, que deron un empuxón definitivo ao proxecto.

Coa obra rematada chega o momento de darlle de encher o edificio. Novamente as accións solidarias volven estar presentes. O colectivo coruñés de pintores “Desnivel” vai doar dezaoito cadros para que colguen nas paredes do local e Marilina Gundín doa o mobiliario necesario para a instalacións.

O día que se escolle para a inauguración é o 1 de maio de 1985, porque era o día do traballador, naqueles tempos o día de San Xosé Obreiro.

A casa da Cultura

Durante o percorrido inicial do local social unha das cuestións fundamentais foi a de conseguir fondos para crear unha biblioteca. Escríbense cartas a diferentes organismos públicos para que fagan aportacións con libros, e tamén son moitos veciños os que a modo de aporte individual van achegando os seus propios libros. Van chegando doazóns e a sociedade cultual compra os volumes da prestixiosa Gran Enciclopedia Galega.

Empezan a programarse actividades, música, teatro, conferencias. Nos primeiros anos de existencia do local social os veciños de Elviña e Castro estaban acollendo unha oferta cultural á altura de calquera cidade do país. Había actuacións teatrais, relatorios sobre as máis diversas cuestións culturais, debates, e tamén se inician nese tempo cursos para a veciñanza, como o de xadrez, traballos manuais, obradoiros de máscaras, etc. A oferta musical foi moi variada, desde música tradicional a internacional; no ano 1986 actuou a Celebration Jazz Band, de Gran Bretaña, que estaban participando na Romaría Internacional promovida por Bernardo Valiño. Tamén da man de Valiño tocou unha orquestra sinfónica na igrexa de Elviña.

As sinerxias xeradas na Casa da Cultura culminaron coa creación dunha banda de gaitas que tomou o seu nome dos míticos Rexumeiros. Volve haber un traballo colectivo. A compra dos instrumentos faise en Seivane, e cómpranse telas para confeccionar os traxes da banda. A forte tradición musical de Elviña retómase coa Banda de Gaitas Os Rexumeiros de Elviña e Castro, que ten como director e alma máter a Bieto Romero. Hai que dicir que moitos das mozas e mozos que integraron aquela banda agromaron con forza despois no panorama musical galego.

A banda de gaitas presentouse no ano 1994 na praza dedicada a Milucho, a praza de Emilio Jaspe Deza. A banda tivo un percorrido intenso até que foi desaparecendo.

Foi un tempo de esplendor no que Elviña e Castro eran referentes na cultura. Non hai que ser nostálxicos, pero si estar orgullosos da nosa historia. Cos seus altos e os seus baixos o local social chegou aos nosos días e segue a ser a Casa da Palabra das aldeas de Elviña e Castro. Que o sexa por moito tempo!

Nota:

Este artigo elaborouse en base á documentación existente na Sociedade Cultural Tempo Novo, en base aos aportes do coloquio que tivo lugar o de setembro de 2018, rememorando os corenta anos da presentación do proxecto e no que compartiron a súa memoria Chao, Lino, Carlos de Ventura, Manolo de Hilario e Xan Casabella. Tamén se usaron recortes de prensa que nos cedeu Chao e volvemos entrevistar a Carlos de Ventura e a Manolo de Hilario.

Van escritos algúns dos nomes que protagonizaron o proxecto. A participación de xente foi tan intensa e tan extensa que nos resultaría imposible citalos a todos.