Historia para gardar na nosa memoria como Pobo

Por Manuel Bermúdez “Chao”

Recordo con agrado aquela xuventude entusiasta que formaba a comparsa Os Rexumeiros.  É moi importante que os antroidos de Elviña e Castro non queden no olvido. Aquela comparsa estaba formada principalmente por xente de Elviña e Castro. Eran quen de desafiar o goberno coas súas coplas cargadas de sentido bastante crítico. No carnaval tolerábanse cousas que de ningún modo se permitirían fóra del. E tamén eran capaces de saciar ese desexo tan grande de liberdade de expresión que había entre a xente, como houbera nos tempos da República. No antroido podían dicir todo o que quixesen.

Os Rexumeiros. Arquivo Fotográfico de Elviña e Castro.

Había moita xente, recordo por exemplo a Cachas coa bandeira, e a Peporro que facía as letras de moitas coplas, collendo o relevo de Catoira de Elviña. O seu radio de acción era Elviña, Mesoiro, Feáns e movíanse polas Mariñas. Tamén baixaban á Coruña.

No Antroido enterrábase a Franco. Quedábase a unha hora en Castro e a xente acudía ó enterro. Saía o cortexo con gran animación e con moita xente disfrazada. Os nenos portaban palmeiras e ramos, e había viúvas, moitas viúvas. Unha das viúvas era o Mariñán. Dous ou tres vestían de curas, un deles era o Pagano.

A comitiva saía de Castro entre cánticos. O Pagano disfrazado de cura empezaba a cantar da seguinte forma, máis ou menos: “Morreu o Ricardo, quedoull’un fillo /(…) / Per seculam seculé, seculeé/ carne de cocho touciño é” E as viúvas respondían cantando: “un veneris, un veneris”. Un dos curas cantaba “Es un difunto muy rico (…)/ es un difunto muy pobre (…) / Aceite aceitorum e unha folla de lourorum / e pimentum pimentorum” e dicía Peporro “Xa está o rustrido feito”. As viúvas dicían “O meu Ricardiño, o meu Paquiño” para logo cantar “chora viudiña chora/ que tes moito que chorar/ un larpeiro como este / éche malo de atopar/ un veneris, un veneris”. Un dos curas anunciaba as misas polo defunto que “serán o dazaoito de julio si cobramo-la paghiña e si non a cobramos non haberá misas”.

A comitiva ía a Elviña para tomar o camiño a Monelos. A Garda Civil sabíao e consentía o seu paso ata a Fábrica de Salgueiro, porque non quería que se vise pola cidade. Alí na fábrica de Salgueiro a Garda Civil mandaba que a comitiva dese volta. Así que se collía o Antroido e botábase no río de Monelos e acababa no mar.

Esa é a historia do noso Antroido. Eu participei no antroido de Franco o ano que os detiveron. Houbo multas a varios veciños, como as que levaron Trancas e Rafael. Foron xente de admirar pois nin as detencións nin as sancións evitaron que deixasen de funcionar.

Texto: Feito a partir dunha conversa con Chao, a quen lle agradecemos que comparta a súa memoria.