Cómo cambian os tempos

Por Carlos García Casás

Unha tarde de finais de marzo do ano pasado, aproveitando que facía bo tempo e que o lugar estaba especialmente bonito, cheo do branco das flores dos abruños, un grupo de amigos, entre os que había algúns membros da directiva de Tempo Novo, fomos dar un paseo polos arredores do Castro de Elviña. Camiñando e conversando, xurdiu a idea de que estaría ben que a Sociedade organizase unha actividade para contarlles aos nenos e ás nenas de agora como era a vida cando nós eramos pequenos, sobre todo nas aldeas, lugares nos que os cambios se deron con máis intensidade. Ademais, eran os que mellor coñeciamos, Elviña e Castro, nos anos 60 eran aldeas, e outros que non nacemos aquí tamén nos criamos en aldeas.

No grupo ía Armando, un amigo meu que tamén fora mestre. A actividade pareceunos moi interesante aos dous e puxémonos de acordo para darlle forma e levala ás escolas da cidade e dos arredores.

Primeiro planificámola e, como nos parecía importante, buscamos tamén a colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística, preparamos o material e despois ofrecémoslla ás escolas.

Como obxectivo principal propuxémonos que os nenos e nenas coñecesen como era a vida nunha aldea da Galiza nos anos 60.

Abarcando os seguintes aspectos:

A alimentación: alimentos, producción, elaboración, comercio…

Neste punto falamos, entre outras cousas, de que había un contacto estreito cos alimentos, en canto ás prantas desde que se sementaban ata que se recollían e, en canto aos animais desde que nacían ata que se consumían.

Explicámoslles o proceso de transformación dos cereais en pan, dos muíños e dos fornos.

Tamén lles contamos que a maioría das familias nas aldeas eran case autosuficientes, tiñan que comprar moi poucas cousas: bacallau, arenques, aceite, sal, azucre…

A froita aproveitábase toda e a que se podía gardar, gardábase, para consumir máis adiante.

O peixe fresco levábano ás aldeas os peixeiros e peixeiras, andando, a cabalo ou en burro.

A importancia do caldo como alimento de moitas familias durante moitos días do ano.

Algúns productos (leite, ovos, froita, leitugas, patacas, tenreiros…) vendíanse. Isto permitíalle ás familias ter cartos para comprar roupa, calzado, ferramentas…

A roupa e o calzado: Que roupa e calzado se usaba? Como se elaboraba? Onde se compraba?…

Contámoslles que a xente tiña pouca roupa e a que había aproveitábase moito, a roupa de diario duraba moitos anos e era normal que tivese remendos.

Normalmente a roupa non se compraba feita. Comprábanse as teas e despois viña unha costureira á casa e facíaa. Para algunha roupa elegante íase ao xastre, e as prendas de lá facíanas as nais e as avoas.

Os materiais que se usaban eran case todos naturais e algunhas prendas resultaban moi difíciles de adquirir, por exemplo, as que abrigaban ben. Os nenos andabamos case todo o ano con pantalóns curtos.

O calzado máis utilizado eran os zocos, feitos de madeira e coiro. Normalmente había un zoqueiro en cada parroquia. Cada persoa adoitaba ter só un par de zapatos para usar nas festas.

A vida dentro das casas: Como eran as casas? Como se quentaban? Como se iluminaban? Que mobles había?…

Falámoslles de que as casas solían ter dúas plantas. Na planta baixa estaba a cociña que tamén se usaba como comedor, as cortes das vacas e un corredor que separaba as dúas dependencias. A primeira planta tiña o chan de madeira, nela estaban os cuartos de durmir. A calor da corte das vacas chegaba ata alí, tamén chegaba algo de cheiro pero a calor era fundamental porque non había moita roupa das camas nin tapaba tanto o frío como a de agora.

Na cociña estaba a lareira para quentarse e para cociñar. Non había cociñas de butano nin eléctricas e conseguir leña para todo o ano para cociñar e quentar a casa supoñía un esforzo enorme.

O forno para facer o pan tamén estaba na cociña e normalmente había un moble para gardar a louza, potas, tixolas e outros utensilios de cociña, un banco ao lado da lareira, unha mesa e unhas banquetas ou cadeiras.

En moitas casas non había electricidade. Iluminábanse con candís de gasolina ou de carburo.

Vida social: xogos e diversións, festas, celebracións, xuntanzas…

Aquí falamos das festas patronais, que eran as máis importantes do ano e que facían que nas casas se xuntasen familiares que vivían lonxe e, como case non había coches, quedaban tamén a durmir. Non había camas para todos e moita xente tiña que durmir enriba de palla que se estendía no chan. Como eran no verán, non había problema ningún.

O Entroido tamén era unha festa moi importante, non se compraban disfraces, vestiámonos con roupa vella: “de choqueiros”. As carautas comprábanse ou facíanse. Nas casas, as nais facían filloas e orellas.

En defuntos, faciamos colares con zonchos (castañas cocidas coa casca) e colocabamos enriba dun valado ou outro lugar parecido, unha cabaza ou un melón, previamente baleirados, cunha candea acesa.

No tempo de outono e inverno, que chegaba a noite moi cedo, era normal que dúas ou máis familias se xuntasen nunha casa despois de cear. Os adultos xuntábanse arredor da lareira a conversar (non había televisión nas casas e case que ninguén tiña radio) e os nenos xogabamos á pita cega ou a outros xogos parecidos.

Os nenos e nenas tamén xogabamos á mariola, ás collidas, á roda… Tamén había algo de fútbol, a pelota facíase con calcetíns vellos, trapos, etc. Non había cartos para ter unha de verdade. Xoguetes comprados había poucos, normalmente usabamos materiais da natureza para facer o que precisabamos para xogar.

Estabamos moi en contacto coa natureza e observabamos os cambios que se producían nela, coñeciamos os nomes de plantas, árbores, animais, descubriamos niños de paxaros. Polas vacacións e algúns domingos faciamos excursións polo monte.

Tamén tiñamos que traballar, todo o mundo traballaba: iamos buscar auga á fonte, axudabamos nas leiras, coidabamos do porco e das galiñas…

Era moi importante tamén a colaboración que se daba entre os veciños nalgúns traballos agrícolas como a recollida de patacas ou do trigo, ou a esfolla do millo. Ademais de que, desta maneira, o traballo rematábase antes, moitas veces, sobre todo ao acabar, había unha verdadeira festa.

A situación do galego: na escola, na aldea…

Contámoslles que nas aldeas, o idioma que se falaba era o galego, era raro que houbese alguén que non falase galego quitando o mestre ou a mestra, o cura ou algunha persoa que viñera de fóra.

Na escola falábase o castelán, non estaba permitido o galego. Naquela época dicíannos que falar galego era falar mal e falar castelán era falar ben. O galego tampouco estaba considerado como un idioma, tíñase como un dialecto.

A misa era en latín.

A saúde: a mediciña, remedios populares, o aseo…

A Seguridade Social só se tiña se se traballaba nunha empresa. A xente que vivía das leiras e dos animais tiña que pagar os médicos e as mediciñas e non había moitos cartos. Ademais, había que camiñar moito para chegar ás consultas, había poucos medios de transporte.

Moitas veces utilizábanse remedios populares. O coñecemento destes remedios viña desde tempos moi antigos, na aldea ou noutra aldea de cerca sempre había algunha persoa que sabía como curar algúns problemas de saúde. Tamén había persoas que, sen ter estudado, entendían de músculos e de ósos, mesmo sabían como enxesar un brazo ou unha perna cando había algunha rotura.

O aseo era pouco, non había auga nas casas e, as familias que non tiñan pozo, tiñan que carrexala dunha fonte ou dun río. No inverno, un día á semana, quentábase auga na lareira, enchíase unha tina grande, e alí se bañaban todos os membros da familia, un detrás doutro, empezando polo máis pequeño e rematando polos adultos. No verán, se había un río cerca, era moito máis fácil.

Tamén nos propuxemos outros dous obxectivos máis amplos ou xerais que son:

  • Que comprendan que o mundo e as sociedades están en continuo cambio.
  • Que comprendan que hai moitas e diferentes maneiras de vivir, de divertirse, de relacionarse, de alimentarse. Coñecelas e aprender a respectalas axúdanos a enriquecernos como seres humanos.

Despois de rematar a planificación, fixemos un vídeo con fotos da época, unhas dos fondos de Tempo Novo e outras achegadas por particulares.

Á parte, recollemos tamén imaxes de partes da casa, mobles, ferramentas, aparellos…dos anos sesenta para ilustrar a exposición. Hai que ter en conta que, moitos dos nomes que utilizamos son descoñecidos para os nenos e nenas de agora.

Decidimos organizar a actividade en tres partes: introdución co video de fotos da época, exposición, e coloquio, e pareceunos que era axeitada para o alumnado de 5º e 6º de Primaria. Como nome, escollemos “Como cambian os tempos”.

Por último, ofrecémoslla ás escolas.

Ao longo do curso 2019-2020, ata marzo, que tivemos que parar polo confinamento, visitamos os seguintes centros escolares:

  • CEIP Eusebio da Guarda
  • CEIP Emilia Pardo Bazán
  • CEIP Cornide Saavedra
  • CEIP María Pita
  • CEIP Sal Lence

Neste curso, por causa da pandemia, polo de agora non puidemos levar a cabo a actividade, pero, tan pronto poidamos, volveremos porque “Como cambian os tempos” foi recibida con moito interese por parte do alumnado e do profesorado e, para Armando e para min, foi unha actividade que nos deu moitas satisfaccións.

A actividade “Como Cambian Os Tempos” lévana a cabo Carlos García Casás e Armando Herrero Mayor co patrocinio da Sociedade Cultural Tempo Novo de Elviña e Castro e da Mesa pola Normalización Lingüística.