Por Carlos García Casás.
Ilustracións: Alumnado CEIP J. Fernández Latorre, A Coruña
Quero ser honrado contigo. Para comezar teño que recoñecer que non podo precisar con exactitude a época exacta da que che falo, está entre uns cantos centos de miles ata varios millóns de anos atrás. Os medios cos que contei para esta investigación foron moi limitados, xa sabes que a investigación neste país non está atendida como debera, o que, en boa parte é a causa do noso pouco desenvolvemento. Tampouco che podo dicir que estes resultados se poidan aplicar a todo o mundo, nin sequera a Europa ou a España. Por causa da limitación da que che falei antes, tívenme que centrar exclusivamente na Galiza e as zonas limítrofes como O Bierzo en León, Os Oscos asturianos ou as terras do Miño en Portugal.
Para que te sitúes, vouche describir, a grandes trazos, como era a nosa terra naqueles tempos. Xa desapareceran os xigantes, e os animais máis grandes que a poboaban eran dun tamaño mediano, os máis grandes serían coma unha vaca leiteira das de agora e, parece ser que podían falar entre eles e entenderse. Como agora, habíaos de moitos tipos, entre outros estaban os escrofiformes, os equiformes, os bosiformes, os vulpiformes e os xentiformes.
A temperatura media era bastante máis elevada ca actual. Por causa disto, os animais andaban continuamente buscando a sombra e as fontes, e as árbores daban os froitos dunha maneira algo diferente. Hoxe voume centrar só nos froitos do outono porque teño algo de présa que teño que ir facer uns recados. Outro día xa che contarei outras cousas.
Todos os animais grandes comían de todo o que daba a terra. Herbas, follas e froitos constituían a parte máis importantes da súa dieta. Tamén os había que se alimentaban doutros animais, igual ca agora, era a súa natureza. Estes facíano sempre ás agachadas, por respecto á familia e aos amigos do que estaba a ser comido; o respecto era unha virtude moi importante naqueles tempos. Para non estenderme moito, falareiche dos que comían plantas nada máis.
Como, mesmo no outono, ía calor, as castañas, as noces, as landras, as abelás… nacían sen ningunha protección, que necesidade había de ourizos, cascas, cascabullos… se non ía frío ningún? Todos estes froitos estaban pendurando das pólas, unidos a elas por un pequeno rabecho, igual cas cereixas. Cando chegaba o tempo no que estaban logrados e xa se podían comer, os soutos e as fragas enchíanse de milleiros de voces dos animais que ían gozar destes marabillosos regalos que lles ofrecía a estación. Todo era festa, contos e alegría; é sabido, de sempre, canto mellora o ánimo ao ter o bandullo cheo.
Pero non hai nada que sexa eterno e Galiza, coma o planeta e o Universo enteiro, está e estivo sempre en continuo cambio. A temperatura media aos poucos foise reducindo e os outonos e os invernos fóronse facendo máis fríos; os animais tiveron que empezar a habitar covas ou facer tobos ou outro tipo de fogares onde poder protexerse nos días máis duros, e os froitos do outono tamén comezaron a necesitar dalgunha cuberta que os abrigase; os que non o conseguiron, acabaron desaparecendo.
Os cambios traen máis cambios e, con estes novos envoltorios que a natureza lles puxera aos froitos, os animais empezaron a ter bastante máis traballo para alimentarse, xa non era chegar e encher. A maioría comezaron a fuxir dos soutos. Cando ían comer as castañas que estaban dentro dos ourizos, como non tiñan dedos con que agarrar un pau para sacalas, tiñan que usar as patas e os fociños co cal conseguían moitas picadas e pouco alimento; non era raro velos en xuntanzas multitudinarias de curación que facían para quitar uns aos outros os ourizos que levaban chantados e lamber as feridas dos compañeiros e compañeiras para que non se infectasen, lles deran menos dor e sandaran antes. Así que, aos poucos, case todos comezaron a afastarse dos castiñeiros. Así foi que cada especie escolleu, dentro do que podía comer, o que máis lle gustaba ou, dentro do que máis lle gustaba, o que podía comer, que das dúas maneiras se pode ver. Por exemplo, os escrofiformes decidíronse principalmente polas landras e os bosiformes pola herba.
Pero as dificultades non levan sempre á rendición, tamén adoitan traer con elas a oportunidade de adquirir novas habilidades. Os xentiformes, antepasados da xente da Galiza e terras limítrofes (como xa che dixen, do resto do mundo non teño datos suficientes), non estaban dispostos a renderse facilmente, porque toleaban polas castañas, non había cousa que lles gustase máis.
Ao principio picábanse cos ourizos igual que os outros, aínda así non desistían e, pasiño a pasiño, foron incorporando innovacións que favoreceron recolleitas seguras. É certo que, con relación ás outras especies, tiñan unha vantaxe importante, aínda que andaban a catro patas tiñan cinco dedos ao final de cada unha das súas extremidades. Pronto aprenderon a agarrar un pauiño para abrir os ourizos sen picarse, logo a poñerse de pé e a coller paus máis grandes para arrebolárllelos aos ourizos que non querían caer ao chan. Máis tarde, para librarse das espiñas nos pés, fabricaron un calzado primitivo, os «ourizocos» (co paso do tempo, o nome, que era moi longo, quedaría convertido só en «zocos»). Os ourizocos foron tamén a solución definitiva para extraer as castañas da súa funda picuda.
Detrás de todo isto viñeron outros avances tecnolóxicos que facilitaron extraordinarias melloras na súa calidade de vida. Non os vou enumerar aquí porque me levaría moito tempo e, como che dixen, teño présa e xa quero ir acabando.
Miles de anos despois empezaron a usar o lume e, co tempo, tamén aprenderon a facelo. Así foi que xa puideron cociñar os alimentos, sobre todo o seu favorito, que xa sabes cal era, e de diferentes maneiras.
Cando esteas a piques de comer unha castaña en calquera das súas preparacións: asada, cocida, en caldo, en «marrón glacé»… párate un momento, dedica uns segundos a agradecerlle a súa existencia porque é un alimento e, como todos os alimentos, merece un agradecemento, pero tamén porque foi un elemento fundamental para que os xentiformes evolucionasen e se transformasen en galegos, galegas e persoas dos territorios limítrofes (e quen sabe aínda o que nos deparará no futuro).
Cando consiga máis fondos, poñereime a investigar que foi o que pasou no resto do mundo. Podes ter a seguridade de que compartirei contigo todos os meus descubrimentos.
Xa che contarei!
Ata logo!